Arquivo da categoría: Poemas

refugallo poético nº4

Refuxiarse

durante as madrugadas do Alfaiate

no útero dun terzo de Estrella.

Sufrir xuntos a fame pola fame,

ou non saber se vivir ou fumar,

se apertarnos coas mans nas costas

ou exacular balas de bile

contra inimigos imaxinarios.

 

Así eramos nós. E dalgún xeito aínda o somos.

Lonxe de xéneros e de repugnancias.

Desde o aire inzado con polen de mimosa

―primavera ourensá ―

até o pracer revirado

das minchas do Tarabelo.

Así fomos nós. Xa iso ficará soterrado.

Sopas de cabichas, cacao e doces;

grosos peúgos que aloumiñan a madeira

co seu tacto setentrional.

 

Refuxiarémonos onte

…noite tras noite tras noite onte….

nos úteros dos terzos de Estrella.

E fomos…

Fomos…

Fomos…

Vizoño

 Punta da Peza

Esta pasada semana caeu nas miñas mans “Vizoño”, un poemario de Maxi Rei publicado pola A.C. Eira Vella de Betanzos na súa colección Xanela de Poesía.

“Vizoño” é un poemario autobiográfico, composto de vintetrés poemas, que quere rescatar a memoria da infancia, sentida como un tempo feliz, ao tempo que nos fala da desaparición e abandono do mundo rural.

Se cadra por ser eu tamén un neno da aldea gocei de todos os poemas que compoñen esta obra. Elixín un, un pouco ao chou, para partillar hoxe no blog. Espero que vos guste!

DE CANDO A MIÑA AVOA DEIXOU
ESTE MUNDO

As familias estrañas de caras grises
foron aniñando na fantasía
das túas noites enchoupadas de sombras de ánimas
e colocáronse na reuma da vida
os desfiañados recordos da luz e da risa,
co consentimento dos anxos que pasan
deixando un rego de famentos silencios prateados
bótanse
cansos
na atenta palmatoria que transluce sabas brancas.
As noites tortas e pesadas, como bois feridos
baixan polas túas pálpebras
enchen os aires de Balbis cun arrecendo a tempo
rematado.

Hai anxos robustos con botas de plástico
que se botan aos pes da túa cama mentres
recomendas á Virxe do Carme
óllante
muller de século enteiro
para facer de ti case cero
case
(pero eu escribo)

 

 

Refugallo póetico nº11

Santo Amaro

Paraugas tivese:
o barrio, os pais, e algún que
outro amigo.
Barrio que estratificase
sobre a proa penedosa,
ollando o azul inmenso
do xardín atlántico,
sedimentos suburbiais
dun tempo vello
vernizado de salitre, suor e viño.

Pais que ficasen
no daguerrotipo arxentino
da afastada proximidade,
conxelados no carbono
do cariño á especie,
á raza, á nosa herdanza
xenética de ilusións
e cabos de ano.

Tamén tivese algún amigo
naquel parto;
especialmente ninguén, só dous:
ela e mais el;
os que me acompañasen
―fóra o tacto ―
para acender lumieiras
coa madeira resinosa
do costume e da
propia admiración.

Eses fosen os meus paraugas,
a miña amniótica carapucha
no ballón deste
tempo esgazado.

Refugallo poético: tren cortazariano

poema

– en que estación encontrarei a miña maga?
– será só unha ou vivirá extraviada nas ducias
de mulleres que ateigan as plataformas?
– continuará cada noite a alimentar os meus ocos?
– cara a onde peiteará o seu sorriso
cando o nordés sopre na praia das sereas?
– vivirá para sempre no cantar do pardal novo?
– como reaccionará cando a semente
do recordo abafe as súas ansias?
– serás ti, que sorrís na plataforma, ti que debuxas
trens coas túas pestanas, a miña maga?

Rui Bosta