Arquivo da categoría: Música

Fine and Mellow

Hoxe cumpriría 100 anos Billie Holiday, “Lady Day”, unha das tres grandes damas do jazz xunto con Ella Fitzgerald e Sarah Vaughan. Billie Holiday era talvez a que posuía un menor rexistro vocal das tres, mais compensábao sobradamente coa súa capacidade para acadar sempre a textura máis aquelada en cada canción.
O 8 de decembro de 1957 unha Billie Holiday devastada e coa voz rota polos excesos e as adicións, deixa para a historia un dos blues máis prodixiosos da súa carreira, secundada polo seu vello amigo Lester Young, con quen intercambia olladas de complicidade neste especial televisivo ―The Sound Of Jazz ―producido por Norman Granz. Lester Young estaba xa naquela altura consumido pola cirrose. A idea era que só sentara detrás e acompañase o tema, mais este quixo participar máis activamente, erguéndose e interpretando o seu solo. É impresionante a ollada de fachenda e agarimo que Lady lle dedica [minuto 2:00]. Os seus ollos chegan a entrelazarse, e ela asente sorrindo, coma se ambos os dous estiveran a lembrar todo o seu pasado xuntos, as grandes noites de gloria.
Lester Young morrería pouco máis dun ano despois. Lady Day seguiríao apenas uns meses máis tarde.