Arquivo da categoría: Microrrelato

ESTIMADO SEÑOR X, MESTRE E AMIGO

Exemplar extirpado de podo-minino
Exemplar extirpado de podo-minino

Estimado señor X, mestre e amigo:
A tres días da presentación do seu libro que, como corresponde a un auténtico faro das nosas letras, reunirá o máis sobranceiro da cultura local, comunícolle a miña indisposición a acudir ao evento. De seguro escoitaría anteriormente ducias de desculpas semellantes á miña, mais non por manida deixa esta de ser certa: a mañá do pasado luns, ao acordar, descubrín que no meu pé medrara un gato, igual que un papiloma peludo e ronronante. As molestias ocasionadas polo podo-minino (tal é o nome oficial do fenómeno) son obvias e notorias. Para comezar, ao contar baixo a planta do meu pé dereito con semellante vulto, éme imposíbel camiñar sen dar a constante impresión de estar bébedo. Esta incomodidade locomotriz vese agravada polos agudos laios do animal, que ve o seu corpo esmagado con cada un dos meus pasos. Porén, non son estas as razóns da nosa ausencia (observe o plural). Co paso do tempo foi medrando entre os dous un cariño fraternal que nos levou a reservar unha hora diaria (entre as 8 e as 9 do serán, coincidente coa da presentación do seu libro) para conversar entre mutuos aloumiños. Sei que unha mente tan íntegra e sensíbel coma a súa comprenderá esta especial circunstancia.
O seu amigo e admirador: Z