María Victoria Moreno, Día das Letras Galegas 2018

Foto do pasaporte que retiraron a María Victoria Moreno por dar clases de galego nos últimos anos da dictadura. Fonte: culturagalega.org (arquivo da familia de María Victoria)

Alégrome, de corazón, polo nomeamento de María Victoria Moreno como autora a homenaxear no Día das Letras Galegas 2018.

Se cadra por ser eu un aburrido –e orgulloso –defensor da LIX galega, da que ela foi pioneira.

Acaso porque formo parte da directiva da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil, da que ela foi a socia número 6.

Quizais, tamén, porque entendo de xustiza que optasen por unha muller; non vou repetir os datos por todas e todos coñecidos, mais si quero lembrar as palabras que onte lle lin a Ledicia Costas: “Débennos décadas”.

Pode, mesmo, que tivese que ver o respecto que sinto polo traballo das mulleres da Sega, que xa no 2015 elixiron a María Victoria Moreno como a “Súa Señora (das letras galegas)”, e que estes días artellaron unha marabillosa campaña a prol da súa candidatura para o 17 de maio.

Aínda que, talvez, sexa pola suma de todas estas cousas. O caso é que hoxe estou contento, porque entendo este nomeamento tan positivo como necesario. Outro grolo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *