18 razóns (desesperadas) para falar galego na Coruña



  1. Para ver a cara dos camareiros cando lles pides “un café con leite morno” ou “milfollas de sobremesa”.

  2. Para contaxiar a outros falantes. Si, falar galego pode ser contaxioso. Talvez non tanto como a mononucleose ou a clamidia, mais si como un catarriño leve.

  3. Para que os taxistas te chamen “galleguista” cando lles pides que te leven á rúa San Xosé. De dubidares da túa orientación política, este é un bo método para lembrala.

  4. Para ligar. É ben sabido que moitas/os rapazas e rapaces da Coruña non se learían cun/ha galegofalante. Mais ti quererías contacto físico con esa xente? Non o dubides, o galego serve de criba!

  5. Para obter unha licencia para rexentar un casino cando os galegofalantes acabemos nunha reserva.

  6. Para o sexo. As/os galegofalantes son altamente competentes como amantes. Isto non ten base científica ningunha, mais de espallarse esta lenda urbana sería o fito máis importante da normalización desde o Xabarín Club.

  7. Para poder dicir, con naturalidade, “colo”, “pota” ou “reseso”. As palabras acaban por se deprimir cando as usas nun contexto estraño. Faino por elas!

  8. Para que alguén che diga “aunque hable en castellano soy tan galleg@ como tú”.

  9. Para ver a cara que poñen na billeteira do cinema cando pidas un sitio “na derradeira ringleira”.

  10. Para non dicir mamalonadas como “rajo”, “Arteijo” ou “Jurelo”.

  11. Para te sentir membro dunha sociedade secreta, como os masóns, os illuminati ou os cabaleiros jedi.

  12. Para confraternizar cos vellos no Campo de Marte. Se tes sorte, até é posíbel que te conviden a un cacho de pan reseso do que lle dan ás pombas.

  13. Para cando che digan “el gallego no sirve para nada”, poder responder: “Ti estásme entendendo. Así que para algo xa serviu”.

  14. Para lle lembrar á xente onde vive. Ás veces, entre tanta Feria de Abril e Oktoberfest, é difícil decatarse.

  15. Para que che pregunten se es do Bloque ou da aldea.

  16. Para nos decatar de que non somos tan poucos. Na fin de contas, que haxa case 40.000 galegofalantes na cidade non é “muck of turkey”, que diría sir Paco Vázquez (ese señor que se disfraza de Magneto cando posa para un cadro).

  17. Para facelo porque si, porque che gosta, porque che peta e queres e dáche a gaña porque che sae de dentro, alá do fondo.

  18. Para ter esperanza. Porque de fe e caridade imos sobrados…

    Todas as situacións expostas están baseadas en feitos reais. Ningún galegofalante resultou ferido durante a realización deste artigo. Para comezar a falar galego non é preciso consultar con médico/a ou farmacéutico/a ningún/ha.

62 reflexións sobre “18 razóns (desesperadas) para falar galego na Coruña”

  1. Aínda que a situación do galego na Coruña non é a ideal nin moito menos, estaría ben que foras algo polos barrios e que falaras con xente de todas as edades , sen esperar a teres ti mais de 20 anos, que é o que che calculo polo que dis. De bon rolo, eh! Con humor, como o teu artigo.

      1. Que a situación sexa exportábel a calquera outra cidade do país (que o é) non quere dicir que na Coruña non sexa a descrita, por moito que nos desagrade.
        Mais grazas polo consello! Farei máis turismo polas cidades galegas, así aproveitarei para visitar @s amig@s que teño en cada unha delas.

  2. Eu particularmente teño que decir que na Coruña a base de insistir acabo virandolos, todo hai que decilo, acostumo a repetir nos mesmos sitios, e eso axuda, moito

  3. Soy argentino, mí hermana mayor habla de corrido, la siguiente poco y los dos más chicos apenas lo entendemos.
    Mí padre sólo hablaba Gallego cuando estaba enfadado. Pero yo quiero aprender por razones políticas.

  4. Xa saíron os prexuízos casposos de barra de bareto nacionata. Aínda hai máis porcentaxe de galegofalantes na Coruña que en Vigo ou Ferrol, pero mola facerse o guai batendo na Coru, que queda máis reivindicativo. Plumeiro á vista.

    1. Pedro, vivo na Coruña e quero a esta cidade. Só falo (con humor) do que coñezo, e coido que unha chea de galegofalantes coruñesas/es compartiron as experiencias que expoño. Ademais, cara ao final do artigo lembro que, malia todo, somos perto de 40.000 galegofalantes na cidade.
      Unha aperta.

  5. Ui! Lémbrome de candl traballaba en Sada e unha muller me preguntou se falaba galego porque non sabía falar o castelán (??) Para acto seguido decirme: “pero bueno, lo hablas bonito” (??????)
    E non era a mesma que na peixería pediu un kg de jureles pero salmón no me pongas que aún tengo un toro en la nevera (léase “toro” con o pechada)

  6. Como coruñesa de 40 años de barrio tambièn he de decir que de la gente es importante lo que dice,no en què lengua lo dice. Y soy tan gallega hablando en castellano como el que habla en gallego,te lo aseguro.y vamos,que si no ligas no le eches la culpa a hablar en gallego

    1. Esquecera esa de “soy tan galleg@ como tú aunque hable en castellano”. Grazas pola aportación, Manoli! Está xa incorporada na lista.

    2. Xa o dicía Castelao naquela súa viñeta. “Yo te soy tan gallego como tú. No lo hablo, pero te lo entiendo todiño”. Ao que o outro lle respondeu “Igualiño, igualiño que o meu can, non fala galego pero carallo se o entende”.

  7. Moi bo ! O certo é que eu como galegofalante de 18 anos aínda tiven que ver hai un par de anos a xente da miña idade ( de vigo)alucinar por escoitarme falar galego como se fose eu dunha especie en extinción e con absoluto desprezo, cabreeime moito, pero aínda máis cando compañeiras miñas e galegofalantes as xustificaban e mesmo dicían que como falaban castelán non tiñan acento 😂😂😂, érache boa

  8. Eu creo que falando castelán, podes ser tan galego coma os demais, si. Pero o que consegues e que se perda o teu idioma, iso para empezar; a raiz deso virá o demáis. Se queres considerarte galego, e defender que o eres, debería comezar por falar o seu idioma, senón, e como un catalán dicindo que e catalán falando euskera; respetable, si, pero sería un catalán un pouco raro, ou non? E tan só a miña humilde opinión.

  9. Deus, que mágoa me dan eses pobres de “LA” Coruña, eses CASCARILLEIROS que un día aprenderon que a man esquerda é a dereita e non como eles pensaban. Que mentes tan baixas, que pobreza, que falta de sensibilidade, que pouca cultura, que gran cidade, pero que malos cidadáns.

  10. Eu son gallego como o que mais.non o falo nin o escribo como din os gallegistas .pero creo que me entenderan mellor en galicia o idioma que eu falo que o que falan ahora alguns. Teño 66 anos ,e siempre falei asi, cando empezaron a nombrar : ! As lubas..A basoira etc.en realidad eu crein que me levaran para outro pais

    1. Eu tamén sentía extrañeza con esas palabras que nunca oíra e que a xente decía que eran “galego inventado”. Pero ao ir andando país dinme conta que existen, úsanse e falanse, só que noutras comarcas. Un exemplo é a palabra ” maniotas”: onde vivo agora úsana mesmo cando falan castelán e eu só a coñecía dos libros de texto.

  11. ¡¡ala veña poñamos un grauiño mais da nosa parte, que temos un idioma moi juapo¡¡sintamonos orgullosos de ser galegos¡¡….e si vas a Madrid e non te entenden , falalles español,¡¡pero sigues sendo galego,non ten nada de malo¡¡¡o contrario¡¡

  12. Bo día! Miña avoa da zona de Cuntis dicía “xa deitan as fontes”, “hai q escornellar as escornelleiras”, “Paquiño é moi ben ghiado”, “voute dar cunha corra…”… E afirmaba q o máis lle ghustaba era o castelán ben falado aínda q ela non era quen de falalo… Non sei q pensaría das luvas, vasoiras… E de tantas palabras q tan alleas nos parecen pero q non deberámos deixar extinguirse coa desaparición daqueles para aos q lle eran naturais…
    Dende Vigo, unha familia q cría ao seu fillo falangueiro de 3 anos, contracorrente, en galego. Non hai cousa máis chamativa e normalizadora q a súa naturalidade, expresividade… Isto sí q é contaxioso!!!

  13. . Nai de dous fillos. Vivo na Coruña, sempre lles falei en galego. Eso si oin varias veces ” como les hablas en gallego.?” son mui guapos. Ou.Porque tu sabes hablar el castellano, no? Enfin….!! Sempre falo galego, ata no Corte Ingles. Si alguen non entende, podo traducir!!

  14. Desde Vigo unha aperta solidaria á Coruña, que supoño que como na miña cidade, fainos vivir en moitos contextos nunha situación de constante tradución simultánea. Un café con leite por favor? Un café con leche? Non, dixen un café con leite. Con leche? Non, con leite. Ah, con leche! Ás veces é como xogar nun frontón. Ánimo!

  15. Estudei en A Coruña, son de Lugo….e lembro que unha señora à que lle preguntei polo hospital modelo, e que bus me levaba ata ali, respostoume…”No te paga la pena coger el bus hasta allì que llegas antes a pié”. Ano 1990.

  16. Porque non se sabe se falan peor o castelan ou o galego. Polo menos, eu podo dicir que como moito so maltrato unha lingua

  17. Son nai de días nenas educadas en galego e cando vamos A Coruña seguimos falando galego e iso que a familia e os amigos galán español,eu non suero convencer a ninguen so quero que as minas fillas teñan opcions de ser o que querían e falar o que queiran … O certo e que so se lle ten cariño o que se emprega

  18. Esqueceste das galegofalantes. Ao incorporar vervas novas esquecendo as empregadas de cotio creouse unha inseguridade nos falantes, xente galegofalante encontrabase insegura falando cos “señoritos normalizadores”. chao, rubio, xeito son vervas que non soan por ningures, teño 54 anos, non estudiei galego e miña lingua materna e o castelan, no colexio os rapaces en galego non sabian vocabulario, sendo galegofalantes, e eso provoca o rexeito do seu propio idioma.

    1. Home, outras palabras serán de pouco uso, mais “xeito” debe de ser unha das máis empregadas. Tamén polos paleofalantes.
      Grazas pola visita!

  19. Pois a miña primeira lingua é o galego e teño que dicir que vou habitualmente a cidades como Vigo,Santiago,A Coruña ,Pontevedra ….e nunca ninguén me pediu que repetira algo porque non me entenderan en galego. Non estaremos esaxerando un pouco?

  20. Eu estoulle ensinando a mina filla o galego dende o primero día por 2 razones: a 1′ e que e galega e debe mamar a sua língua e 2′ o castelam con encender a tv ou ler prensa vaino ter sempre presente..
    E además escoitar a un nen@ pequeno falar galego e fermosisimo…ainda que siga habendo moitos ignorantes que pensen o contrario..

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *