refugallo poético nº4

Refuxiarse

durante as madrugadas do Alfaiate

no útero dun terzo de Estrella.

Sufrir xuntos a fame pola fame,

ou non saber se vivir ou fumar,

se apertarnos coas mans nas costas

ou exacular balas de bile

contra inimigos imaxinarios.

 

Así eramos nós. E dalgún xeito aínda o somos.

Lonxe de xéneros e de repugnancias.

Desde o aire inzado con polen de mimosa

―primavera ourensá ―

até o pracer revirado

das minchas do Tarabelo.

Así fomos nós. Xa iso ficará soterrado.

Sopas de cabichas, cacao e doces;

grosos peúgos que aloumiñan a madeira

co seu tacto setentrional.

 

Refuxiarémonos onte

…noite tras noite tras noite onte….

nos úteros dos terzos de Estrella.

E fomos…

Fomos…

Fomos…

As crónicas de Landereina: Sangue de Lúa

Deixo no Lugar do Sapo a recensión que fixen do libro de Sabela González para a sección da web da OEPLI Este libro encantoume.

Berenguela e Güenela conseguiron a apócema coa que poderán destruír a Pedra de Lúa. Porén, fuxir de Svörie, a illa dos sabios, e chegar até a capital do reino de Landereina non semella unha misión doada. Alí deberán rescatar o príncipe Ohn, peza clave no seu plan para impedir que Maëriss, a traidora, complete o seu poder. Para iso contarán coa axuda de Gan, o guerreiro huntai, e mais de Breihm, que procura redimirse da súa culpa. Deles catro depende o destino das xentes de Landereina, atemorizadas ante a posibilidade de que se repita a tiranía que sufriran anos atrás baixo o xugo de Wiasmau.

Sangue de Lúa é a derradeira parte da triloxía fantástica As crónicas de Landereina, da escritora Sabela Gónzalez. Tal e como fixera nas dúas primeiras entregas, combina a aventura das protagonistas con convenientes visitas ao pasado, que serven para que o lector conte cunha perspectiva global dos acontecementos. No caso de Sangue de lúa, o relato pretérito enfócase na vinganza de Wiesmau contra a dinastía dos Gheiroez, describindo o emprego do seu poder como feiticeiro para conxugar un elaborado plan co que atormentará durante décadas á súa descendencia, para acabar erixíndose como tirano de Landeireina. Este recurso enriquece o texto, axudando a narración a atar todos os cabos pendentes e outorgando ao lector información en doses medidas, sen chegar nunca a abafalo.

Este libro encantoume porque profunda nas virtudes que alberga a saga: axilidade narrativa, revisión de patróns e roles no relato fantástico, trazo firme de personaxes e naturalidade dos diálogos.