Europa Express

Partillo no Lugar do Sapo a recensión que fixen desta obra de Andrea Maceiras para a sección da web da OEPLI Este libro encantoume.

Cuberta realizada por Antonio Seijas
Cuberta realizada por Antonio Seijas

Sete mozos percorren Europa en Interrail ao finalizar o Bacharelato. Un deles, Nico, retorna a Bergen dez anos despois. Alí bate cunha postal que revirará a súa percepción do pasado. Esta casualidade será a faísca que prenda a mecha desta historia. Obsesionado co achado, Nico planifica un reencontro dos antigos compañeiros para tentar resolver o misterio que envolveu o final daquela viaxe.

A novela está narrada en dous planos. Un sitúase na actualidade e emprega a primeira persoa dos distintos personaxes, espindo os seus pensamentos e intereses. O outro plano, pola súa parte, está narrado en terceira persoa. Trasládanos dez anos cara atrás, até a viaxe en ferrocarril que levou os mozos a Stavanger, Odense, Copenhaguen, Berlín, Praga, Budapest, Venecia ou Florencia, entre outros lugares.

Europa Express foi a gañadora do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2015. Trátase dunha novela de intriga psicolóxica ben medida, sen estridencias, que nos ofrece asemade un relato iniciático. Alicerzada na descuberta da liberdade individual e o progreso das relacións persoais, pon o ramo a este artificio a enigmática personalidade de Xacobe, presente en cada unha das súas páxinas. Trama coral, de personaxes moi matizados, observamos como devagar a vida vai ciscando as distintas identidades que a escola xuntara.

Estamos, en definitiva, ante unha notábel novela xuvenil, onde a palabra é empregada como bálsamo reparador de feridas. Andrea Maceiras consegue enchoupar a lectura coa maxia da viaxe, apoiándose habilmente no concepto do efémero. Este libro encantoume porque se trata de literatura traballada, tallada ao detalle co pulso firme dunha cirurxiá da palabra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *