Querido Agustín F.P.

Con Antonio Seijas e Agustín Fernández Paz no Culturgal de 2013
Con Antonio Seijas e Agustín Fernández Paz no Culturgal de 2013

Comunicáronme o pasamento de Agustín Fernández Paz por teléfono, cando estaba a piques de dar unha aula de matemáticas. Non foi das miñas mellores clases, teño que admitilo. A nova deixoume aparvado, como un boxeador despois dun directo no queixo. Nin sequera agora sei moi ben o que agora quero dicir.

Poucas persoas recolleron un sentimento tan unánime de admiración, respecto e agarimo coma Agustín. Quen o coñeceu dá proba diso. Sempre unha palabra amábel, sempre un aceno cómplice.

 Sen pretendelo, estivo presente en moitos dos meus achegamentos á escrita. Con quince anos presenteime ao Concurso de Contos Vila de Pontedeume, do que el era presidente de honra do xurado. Acadei o segundo premio. Agustín vivira en Pontedeume. «Cando era novo», díxome no intre de coñecelo, «subía en bicicleta a costa que vai desde a estrada da estación até a de Centroña». É unha boa costa, podo aseguralo.

A primeira vez que falei con el coidei que a súa cordialidade viña de sermos antigos veciños. “Antonio o de Pontedeume!”, saudábame. Nada tiña que ver. Era a súa natureza.

Pertence Agustín á chamada «Xeración Lamote», grupo de brillantes narradores que con talento e ilusión contruíron os alicerces da literatura infantil e xuvenil en galego. Acompáñano –alén de Paco Martín – Xabier Docampo, Fina Casalderrey, Miguel Vázquez Freire, Antonio García Teijeiro, Xoán Babarro, Helena Villar Janeiro, Antón Cortizas, Antonio Reigosa ou Concha Blanco, entre outros. Eles son os artífices de que a primeira xeración de nenos educados en galego puidese ler historias propias, feitas desde aquí, coa nosa óptica. As xeracións posteriores seguimos o seu ronsel. Sen eles ficariamos ao pairo, perdidos no medio do océano.

Na derradeira conversa que mantivemos confeseille que o meu “Querido H.P. Lovecraft” existe porque antes existiron “Cartas de inverno”, “Aire negro” ou“As fronteiras do medo”. De feito, unha das citas do comezo da miña noveliña saiu dun dos seus libros.

A morte é algo que me obsesiona, que me desacouga dun xeito absoluto. Como seremos lembrados cando xa non esteamos? Agustín Fernández Paz será lembrado como persoa e como autor. O legado persoal gozárono todos os que o coñeceron, e intuírono os que hoxe lle recoñecen a súa coherencia e o seu compromiso. O legado literario perténcenos a todos os amantes da literatura, en especial aos galegos. Así que grazas, Querido Agustín F.P., por tanto como nos deixas en herdanza!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *