Vizoño

 Punta da Peza

Esta pasada semana caeu nas miñas mans “Vizoño”, un poemario de Maxi Rei publicado pola A.C. Eira Vella de Betanzos na súa colección Xanela de Poesía.

“Vizoño” é un poemario autobiográfico, composto de vintetrés poemas, que quere rescatar a memoria da infancia, sentida como un tempo feliz, ao tempo que nos fala da desaparición e abandono do mundo rural.

Se cadra por ser eu tamén un neno da aldea gocei de todos os poemas que compoñen esta obra. Elixín un, un pouco ao chou, para partillar hoxe no blog. Espero que vos guste!

DE CANDO A MIÑA AVOA DEIXOU
ESTE MUNDO

As familias estrañas de caras grises
foron aniñando na fantasía
das túas noites enchoupadas de sombras de ánimas
e colocáronse na reuma da vida
os desfiañados recordos da luz e da risa,
co consentimento dos anxos que pasan
deixando un rego de famentos silencios prateados
bótanse
cansos
na atenta palmatoria que transluce sabas brancas.
As noites tortas e pesadas, como bois feridos
baixan polas túas pálpebras
enchen os aires de Balbis cun arrecendo a tempo
rematado.

Hai anxos robustos con botas de plástico
que se botan aos pes da túa cama mentres
recomendas á Virxe do Carme
óllante
muller de século enteiro
para facer de ti case cero
case
(pero eu escribo)

 

 

2 thoughts on “Vizoño”

  1. moitas gracias por poner o meu poema no teu blogue. Vizoño foi unha obra que publiquei xa fai dez anos… confeso que non a leo moito porque, como ben sabes, os paraísos perdidos emanan un magnetismo como cantos de sereas… porque a infancia para min foi máis que unha época perdida, foi un mundo perdido no que fun extraodinariamente feliz, e sobre todo, libre.
    alégrome moito de que che gustase. quero publicar este ano a miña primeira novela

    1. Ola Maxi,
      certamente encantoume o teu poemario. Esas mesmas sensacións que ti explicas (un mundo perdido de gran liberdade) foron as mesmas que eu tiven ao lelo, conectando moi ben coas miñas lembranzas. Parabéns. Estarei atento á túa novela!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *