As Crónicas de Landereina: Feitizo de sangue

Partillo no blog a recensión que fixen desta obra de Sabela González para a sección da web da OEPLI Este libro encantoume.

Feitizo de sangue

Berenguela e Güenaela continúan a aventura xa comezada en Bágoa de Lúa. Saben que o destino do reino de Landeireina depende en boa medida do éxito ou o fracaso da súa misión. A traidora segue xuntando as partes da Pedra de Lúa grazas ao sangue do príncipe Ohn, aumentando o seu poder día a día. Tras deixar atrás o bosque de Etlual, as dúas protagonistas diríxense cara a Svörie, a illa dos sabios, procurando o feitizo que poida destruír para sempre o poder do amuleto. Despois dunha breve parada en Hunn, a aldea dos guerreiros huntai, únese a elas un mozo chamado Gan. Os tres deberán enfrontarse a unha viaxe chea de perigos e inimigos axexantes.

LANDEREINANKAERTE_v2_BN
Feitizo de Sangue é a segunda entrega da triloxía fantástica As crónicas de Landereina (Galaxia), da escritora Sabela Gónzalez. Tal e como fixera na primeira parte, intercala na narración convenientes visitas ao pasado, que nos axudan a entender a historia de forma global. No caso de Feitizo de Sangue, o relato paralelo céntrase na orixe do malvado Wiasmau, describindo como a súa sede de vinganza cara á dinastía dos Gheiroez o levou a converterse nun gran feiticeiro. Este recurso, lonxe de restar ritmo narrativo, axuda a que aumente o noso interese, enriquecendo o fío principal e conseguindo completar un quebracabezas perfectamente estruturado.
Este libro encantoume –entre outras moitas razóns –polo seu ritmo trepidante, que vai en aumento a medida que avanza a viaxe dos seus protagonistas; por toda a fantasía mitolóxica que alberga nas súas páxinas, retornando a lugares comúns para actualizalos; e –sobre todo –polos seus personaxes: ben trazados, complementarios e cunhas brillantísimas interaccións en forma de diálogos.
En resumo, esta segunda parte de As crónicas de Landereina continúa con mestría o camiño trazado en Bágoa de Lúa, conformando unha narración absorbente que obriga ao lector a acometela dunha vez.

Vizoño

 Punta da Peza

Esta pasada semana caeu nas miñas mans “Vizoño”, un poemario de Maxi Rei publicado pola A.C. Eira Vella de Betanzos na súa colección Xanela de Poesía.

“Vizoño” é un poemario autobiográfico, composto de vintetrés poemas, que quere rescatar a memoria da infancia, sentida como un tempo feliz, ao tempo que nos fala da desaparición e abandono do mundo rural.

Se cadra por ser eu tamén un neno da aldea gocei de todos os poemas que compoñen esta obra. Elixín un, un pouco ao chou, para partillar hoxe no blog. Espero que vos guste!

DE CANDO A MIÑA AVOA DEIXOU
ESTE MUNDO

As familias estrañas de caras grises
foron aniñando na fantasía
das túas noites enchoupadas de sombras de ánimas
e colocáronse na reuma da vida
os desfiañados recordos da luz e da risa,
co consentimento dos anxos que pasan
deixando un rego de famentos silencios prateados
bótanse
cansos
na atenta palmatoria que transluce sabas brancas.
As noites tortas e pesadas, como bois feridos
baixan polas túas pálpebras
enchen os aires de Balbis cun arrecendo a tempo
rematado.

Hai anxos robustos con botas de plástico
que se botan aos pes da túa cama mentres
recomendas á Virxe do Carme
óllante
muller de século enteiro
para facer de ti case cero
case
(pero eu escribo)

 

 

Ulises e as cronoamigas: surfistas en California.

Como primeiro post do ano, partillo no Lugar do Sapo esta recomendación que fixen para o apartado “Este libro me encantó“,  presente na web da OEPLI.

ULISES

Aínda que Ulises é unha magnífica estudante, a chegada do verán tráelle unha desagradábel sorpresa: a súa profesora Caraempanada suspendeulle Historia Contemporánea. Os seus pais toman entón a rápida determinación de enviala ao campamento da Illa do Tempo, onde convivirá con mozas procedentes das distintas décadas do século XX.
Olivia, Carol, Lula e Rita converteranse nas súas “cronoamigas”. Con elas experimentará un fantástico salto temporal que as trasladará até a dourada California dos anos 50.

ULISES 2
Érica Esmorís, flamante gañadora do premio Merlín de literatura infantil 2015, constrúe unha divertida e aloucada trama que lle permite tocar moi diferentes temas. Na súa aventura nos 50 coexisten desde unha receita de cociña até unhas sinxelas instrucións para comezar a practicar surf, pasando por comentarios sobre moda, cinema, rock and roll ou mesmo os (non) tan temíbeis tiburóns. E o fai cunha linguaxe actual, recorrendo sen complexos a formatos extraídos de –por exemplo –internet e os teléfonos móbiles, nunha chiscadela amábel ao mundo dos/as pre-adolescentes, público obxectivo deste libro.
As ilustracións de Jacobo Fernández Serrano, adecuadas e imprescindíbeis, conforman co texto un conxunto inseparábel, enriquecendo a historia e dotándoa dun enorme atractivo.
Estamos, pois, ante unha aposta valente por un formato de éxito que aínda non aflorara na LIX galega, que sen dúbida contará cun lectorado cómplice e fiel.