Refugallo póetico nº11

Santo Amaro

Paraugas tivese:
o barrio, os pais, e algún que
outro amigo.
Barrio que estratificase
sobre a proa penedosa,
ollando o azul inmenso
do xardín atlántico,
sedimentos suburbiais
dun tempo vello
vernizado de salitre, suor e viño.

Pais que ficasen
no daguerrotipo arxentino
da afastada proximidade,
conxelados no carbono
do cariño á especie,
á raza, á nosa herdanza
xenética de ilusións
e cabos de ano.

Tamén tivese algún amigo
naquel parto;
especialmente ninguén, só dous:
ela e mais el;
os que me acompañasen
―fóra o tacto ―
para acender lumieiras
coa madeira resinosa
do costume e da
propia admiración.

Eses fosen os meus paraugas,
a miña amniótica carapucha
no ballón deste
tempo esgazado.