O retorno dos gabrielistas

Veño de descubrir algo sorprendente: aínda existen os gabrielistas!
Póñovos en antecedentes: os gabrielistas (gabis para os amigos) son unha seita de inmaculados adoradores da libertá (sin ira, libertá) que xurdiron nos escuros tempos do goberno bipartito, cando a satrapía bicéfala obrigaba con man de ferro a falar galego a tododiós. Describen moi ben María Lado e Lucía Aldao aquela época neste vídeo [minuto 1:17].

Eu tremo aínda cando pola noite soa un teléfono e penso que pode ser algún funcionario da Xunta para fiscalizar a miña pureza lingüística…
Durante o período pre-electoral do 2009, a líder gabrielista foi paseada baixo palio por canto xornal, televisión e radio liberal había, para gozo e solaz dos órganos musculares bucais oprimidos. Mais unha vez consumada a derrota do dictatorial bipartito, os gabrielistas foron agochados no fondo dun armario, ficando os coitadiños coa sensación de teren sido os parvos útiles daquela loita emancipadora.
Pois ben, como xa vos dixen, esta semana descubrín que aínda están entre nós. O seu habilísimo Comunity Manager acusaba en twitter un escritor e editor galego de intolerante e “talibanciño”, e mesmo ameazaba (cágate lorito!) con bloquealo. O seu noxento crime foi afirmar que desexaba un ensino en galego, igual que en Francia é en francés ou en Inglaterra en inglés.
Eu –maldito asno sen sentimentos –ousei preguntarlles por que, sendo eles tan tolerantes, se manifestaran en 2009 en compaña da Falange Española polas rúas de Compostela. Se ben é certo que non quixeron contestar a esa cuestión, o CM gabrielista acabou por decatarse do meu pobre talle moral, instándome a volver á miña cova cos meus “amigos radicales”, algo que sen dúbida tiña merecido. Os que me coñecen saben que son un contumaz radical de natureza violenta, e está ben que os que se manifestan coa extrema dereita mo lembren de cando en vez.

Grupo de gabrielistas reclamándonos que deixeimos de malgartar o alento falando galego.
Grupo de gabrielistas reclamando que deixeimos de malgastar o alento falando galego.

Admiro moitas cousas dos gabrielistas, moitas. Tantas que non sabería por onde comezar. Mais sen dúbida o seu máis alto atributo é a sinceridade da súa empresa. Eles aman a libertá (sen ira, libertá) así en xeral, e a lingüística así en particular. Se aquel pérfido decreto lingüístico do bipartito exixise que polo menos o 50% das materias se impartisen en castelán, estes arcanxos da tolerancia estarían tamén na rúa loitando polos dereitos lingüísticos dos galegofalantes. Isto témolo todos claro, non si? Do contrario, a súa única doutrina sería a hipocrisía, e iso si que non!