Néboa

un-animal-chamado-neboa

Lin a pasada fin de semana “Un animal chamado néboa”, de Ledicia Costas.

Fíxeno nunha tarde, dunha soa tirada. O libro atoume á cadeira e non me deu tregua até a derradeira páxina. Goceino e sufrino case a partes iguais. Cun garfo cravado na boca do estómago. Con pouco alento. Case procurando non respirar para non invocar os demos que viven nas súas páxinas.

Como non é un segredo que son un chisco choromicas, podo confesar que no final do primeiro relato vertín xa as primeiras lágrimas; lágrimas que despois foron e viñeron, unha e outra vez, igual que as mareas.
Se me resultou tan duro lelo, non podo imaxinar o que para a autora supuxo parilo, habitar cada unha desas moreas de carne atormentada para poder tecer as súas historias. Entrar na pel desa nai á que lle escorre entre os dedos a vida da filla; do mariñeiro que agarda ao pairo pola morte; do home torturado até alén da fronteira do sadismo; da muller á que lle é roubada a dignidade na escravitude dun Sonderbauten
Cun forte e perfectamente engarzado esqueleto, as súas páxinas son un enguedello de dor centrifugada, e as súas frases, curtas e directas, unha sucesión de labazadas.
Tentando lembrar lecturas recentes que me afectasen tanto, viñéronme dous títulos á cabeza, aínda que non o fixeran tan fondamente: “2666” de Roberto Bolaño e “Unha tumba para Boris Davidovich”, de Danilo Kiš (publicado en galego por Rinoceronte Editora). Mais hai diferenzas. Bolaño, en “La parte de los crímenes”, relata os feminicidios do norte de México cun estilo voluntariamente aséptico, case forense. Emula así o efecto que a repetición sistemática dese tipo de novas pode conseguir en nós: A indiferenza. No caso do libro de Kiš, os seus relatos narran tamén situacións de gran dureza derivadas dun réxime totalitario; mais céntranse principalmente no desengano, na perda da ilusión duns personaxes idealistas que baten coa colosal engrenaxe do stalinismo. En ambos os dous casos a crueldade animal fica nun segundo plano, constituíndose en continente, mentres que en “Un animal chamado néboa” o fai en contido.

Non obstante, malia toda a dor que o libro amosa, Ledicia foi quen de conseguir algo máxico: Que por riba de toda esa néboa, por moi mesta e xigantesca que esta sexa, se intúa un campo infindo sementado de candeas, das súas luces.
Os seus lectores só podemos darlle mil veces as grazas por compartilas!

Entrevista no programa “Recendo”

O Lugar do Sapo achegouse até a radio, concretamente a comunitaria CUAC FM.

O pasado martes 2 de xuño visitei o seu estudio Xosé Couso (un nome fermoso e cheo de intención) para participar no programa “Recendo”, artellado pola Asociación Cultural Alexandre Bóbeda.

Este programa emítese todos os martes de 19 a 20 horas.

No programa fixéronme unha entrevista por formar parte da directiva de GÁLIX, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Durante uns 45 minutos puidemos falar da asociación, de LIX, das miñas experiencias como creador e moitos outros temas.

Malia padecer aínda certa alerxia a falar en público, resultoume unha conversa moi agradábel. Deixo aquí a ligazón por se a alguén lle apetecese escoitar o podcast.

http://recendo20.podomatic.com/