HOMENAXE A ROSALÍA

rosalía

Texto lido na homenaxe a Rosalía organizado en Pontedeume polo Colectivo Terra o 16 de maio de 2015:

Irmá Rosalía,
Que nos motiva a facer esta homenaxe hoxe aquí, na túa praza, xunta a ponte? Pois sinxelamente o amor que todos os aquí presentes temos pola nosa lingua; humilde, pequena, mais tamén universal. Amor que expresamos nesta véspera do día das letras galegas conmemorando aquel afastado 17 de maio de 1863, cando se publicou en Vigo por vez primeira o teu “Cantares Gallegos”, que marcaría o inicio do Rexurdimento cultural desta nosa matria común. Un Día das Letras galegas que debera ser unha xovial celebración do noso talento literario, mais que por desgraza foise (ou fórono) convertendo devagar nun acto de resistencia.
E por que de resistencia? Pois para comezar, porque non pode haber só ledicia na celebración da literatura dunha lingua que esmorece. Datos do ano 2014 recollidos polo Instituto Galego de Estatística debuxan unha situación dramática: No período comprendido entre 2001 e 2011, o uso cotián do galego caeu trece puntos porcentuais, e as persoas que empregan habitualmente esta lingua xa non son maioría no noso país.
E cal é a razón desta peregrinación cara a ese ermo sen futuro? Pois, entre outras, as políticas de maltrato sistemático de quen tería que facer da súa práctica institucional una acto de amor á lingua, mais que se dedica a mallar nela sen misericordia. Esta mesma semana os departamentos de galego das tres Universidades do país asinaron conxuntamente un comunicado no que cuestionaban a política lingüística da Xunta e mostraban a “profunda preocupación” pola situación da lingua, en especial despois de se coñeceren os últimos datos que falan do retroceso do uso nas novas xeracións e a “alarmante” diminución de investimentos na promoción do galego, sinalando que “a lingua galega está en perigo de se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria”.

acto

Foto: José Cabalar

E por que se produce este maltrato? Preguntarás connosco, irmá Rosalía. Poderían, se cadra, darse mil razóns; mais nós non temos a resposta. Podemos intuíla, talvez bosquexala. Porén, non debuxala con rotundidade. Un maltrato que levou a dedicarlle oficialmente este día de amor á literatura galega a quen colaborou coa maquinaria de represión que tentou esmagar a nosa cultura durante esa longa noite de pedra que denunciou Celso Emilio.
E se así están as cousas: como non rebelarnos?
O obxectivo supremo de toda lingua é a comunicación; e hoxe comunicarse en galego, vivir en galego, educar en galego, amar en galego, sentir en galego… converteuse ―por desgraza ―nun acto de rebeldía.
Así que nos comprometemos a seguir o teu exemplo, Rosalía; a continuar axitando este noso mar, tan rabudas e incansábeis coma ti, até crear unha enorme onda de dignidade que varra tanto desleixo, tanto auto-odio.
Porque coma cantou Curros con motivo da túa morte física, irmá Rosalía:
¡Ai dos que levan na fronte unha estrela!
¡Ai dos que levan no bico un cantar!