Fine and Mellow

Hoxe cumpriría 100 anos Billie Holiday, “Lady Day”, unha das tres grandes damas do jazz xunto con Ella Fitzgerald e Sarah Vaughan. Billie Holiday era talvez a que posuía un menor rexistro vocal das tres, mais compensábao sobradamente coa súa capacidade para acadar sempre a textura máis aquelada en cada canción.
O 8 de decembro de 1957 unha Billie Holiday devastada e coa voz rota polos excesos e as adicións, deixa para a historia un dos blues máis prodixiosos da súa carreira, secundada polo seu vello amigo Lester Young, con quen intercambia olladas de complicidade neste especial televisivo ―The Sound Of Jazz ―producido por Norman Granz. Lester Young estaba xa naquela altura consumido pola cirrose. A idea era que só sentara detrás e acompañase o tema, mais este quixo participar máis activamente, erguéndose e interpretando o seu solo. É impresionante a ollada de fachenda e agarimo que Lady lle dedica [minuto 2:00]. Os seus ollos chegan a entrelazarse, e ela asente sorrindo, coma se ambos os dous estiveran a lembrar todo o seu pasado xuntos, as grandes noites de gloria.
Lester Young morrería pouco máis dun ano despois. Lady Day seguiríao apenas uns meses máis tarde.

A sedución de competentes

Artigo publicado na edición en papel do Sermos Galiza do 26/3/2015

brétema

Escoito nun debate televisivo, cando se está a abordar o incómodo tema da perda de falantes do galego, como un dos asistentes afirma con rotundidade que os rapaces saen do sistema escolar con plena competencia nos dous idiomas oficiais (malia o seu devezo por defender as actuais políticas educativas, non tivo afouteza dabondo para engadir tamén o inglés). Segundo el, o único reto consiste na sedución destes rapaces, en sermos quen de animalos a desanoar a lingua propia, pondo así un ladrillo máis no verxel de harmónico bilingüismo no que vivimos.
Calquera que teña contacto coa realidade escolar do país sabe que iso non é certo. Existe entre os rapaces unha crecente falta de aptitude para expresarse en galego. Esta situación é preocupante nas vilas, mais no caso das cidades rabuña a traxedia. Moitos empregan o galego só cando o mestre así llo esixe, e fano balbucindo coa dificultade de quen está a traducir o seu discurso a un idioma foráneo.
Desde o punto de vista do autor: como afrontar a desalentadora realidade de escribir para os lectores “estranxeiros” que ateigan as aulas galegas? Declárome incapaz de responder esta pregunta. Acho que cómpre afastar a idea de que para achegármonos á linguaxe da rapazada debemos rebaixar o nivel da escrita, nunha estratexia suicida de levar a montaña até onde ―previamente ―outros colocaron a Mahoma. Isto, ao meu ver, suporía abonar con veleno unha leira que xa non destaca pola súa fertilidade.