Interstellar: retrincos persoais, subxectivos e posibelmente errados

Após de ver Interstellar a pasada semana, atrévome a deixar aquí algunhas consideracións esfarrapadas e pouco reflexionadas. A miña intención non é facer unha crítica cinematográfica, traballo sen dúbida aborrecido para o que non teño ganas nin coñecementos.

Comparacións odiosas

Maldito o favor que lle fixo ao filme o primeiro que citou a Solaris nunha recensión. Sería coma comparar Annie Hall con Pagafantas só polo feito de tratar sobre relacións falidas. E que conste que rin bastante con Pagafantas, aínda que talvez o feito de tela visto en solitario no meu exilio turolense influíse de xeito definitivo para que a recibise con bos ollos.

A solarística, que ciencia!
A solarística, que ciencia!

O filme de Tarkovsky (e antes a novela de Lem) ofrece unha concienciuda reflexión sobre a humanidade en comparación co gran océano de Solaris, tamén intelixente, tamén con vontade, mais nunca humano. Pola contra, no melodrama de Nolan a conclusión semella ser que somos unha recua de seres histéricos que reaccionamos coma crianzas cando máis se espera de nós.

O guión dos Nolan

Se algo positivo ten o filme é que non deixa que te aburras malia a súa excesiva duración. Séntate desde o principio nunha montaña rusa, e ao igual que nese artefactos infernais primeiro súbete ben alto para deixarte admirar a paisaxe. Despois comezan os meneos (madía leva!), e aínda que é certo que non hai lugar para o tedio, podes acabar cunhas ganas de vomitar horríbeis. A min pasoume. A sucesión de Deus est Machina acabou mesmo por ser cómica, mais na derradeira media hora a comedia convértese en traxedia.

Ollo, spoiler! (tanto vogar polo espazo para acabar movendo libros nunha balda… veña, ho!).

Gargantúa, nome aquelado para un burato negro
Gargantúa, nome aquelado para un burato negro

É curioso tamén que un filme tan longo non teña algún intre de sosego. Sería de agradecer. Así poderiamos, por exemplo, gozar minimamente da súa potente imaxinería visual. Mais non. Os personaxes só deixan a súa labia científica para acometer as escenas de acción, e aínda así continúan a falar coma papagaios intergalácticos.

O vello Matt

E despois está o fabuloso caso de Mister McConaughey, empoleirado de súpeto á categoría de actor de culto tras longos anos de defenestración. Nin tanto nin tan pouco. O texano funciona coma un Rolex en determinados rexistros (ou rexistro, talvez). Porén, noutros non me resulta críbel. Por exemplo, no seu papel de pai. A lacrimóxena despedida da súa filla para ir “facer as galaxias” produciume un lixeiro arreguizo dorsal. Non sei se foi vergoña, mais desde logo emoción, non.

Matt nos seus tempos de "most handsome student"
Matt nos seus tempos de “most handsome student”

Conclusión

Nin é a obra mestra que algúns queren ver, nin o desastre absoluto que outros observan. Un filme entretido do que, malia o actual ruído, posibelmente poucos se lembren dentro de cinco anos.

 

 

A raíz do corpo

38 anos
A semana pasada fixen caldo por primeira vez na miña vida. Meu pai deume tal cantidade de nabizas do Castelo que non tiven opción. Ou metelas nunha pota grande ou observar como murchan devagar na terraza mentres Mórtimer, o gato que vive na casa, traba nas follas como pasatempo.
Facer caldo por vez primeira con 38 anos non é fachenda ningunha. Seino. Sobre todo cando xa hai ben tempo que abandonei o niño familiar. Desde entón aprendín non só a cociñar, senón a gozar da cociña. É estraño que nunca me formulase a posibilidade de facer caldo, sobre todo contando de balde cunha extraordinaria materia prima. Lentellas, fabas, garavanzos… si, mais non caldo. É curioso.

caldo

Vergoña familiar
Á vergoña pola demora na preparación deste beberaxe místico, teño que engadir a de que non o fixen “coma deus manda”. Explícome. Segundo o meu padriño (e avó) Antonio “O Moreno”, que aos seus case 84 anos leva comendo caldo toda a vida, o ingrediente máis importante na súa preparación é o unto. Vai ti saber por que non contaba eu na casa cun anaco de unto! Así que o meu caldo, malia que eu o encontrei do máis reparador e gorentoso, semella non ser caldo “de verdade”.
Sentenzas do meu padriño
Á xa referida sentenza de Antonio “O Moreno” de que o unto é o ingrediente máis importante do caldo, desexo engadir outras dúas igual de transcendentes:
– O caldo é a raíz do corpo.
– Se non comes caldo de grelos no antroido, no verán picaranche os mosquitos.
Tipos de caldo
A taxonomía caldística é tan ampla como inabordábel, mais no caso da miña casa os tipos de caldo redúcense a tres:
– O de repolo no verán (non gusto del, demasiado doce)
– O de nabizas no outono (deste xa gusto máis)
– O de grelos no inverno (o summum caldum, insuperábel)
Festa Verde na Casa de Merce
A miña amiga Merce leva anos a celebrar o seu aniversario cunha festa verde. É fácil confundirse e pensar que monta unha xolda de vicio e perversión. Nada máis preto da verdade. O que fai é convidarnos a caldo e mojitos. Merce é unha fanática destes dous beberaxes verdes. Ten moi boa man para o caldo. Ademais, conta na súa cabeza cun mapa de todos os locais da Coruña onde preparan mojitos, así como a súa valoración, cualitativa e cuantitativa. Merce semella irlandesa, mais debe de ter algo de cubana.
Cuba
No 2013 Paula e mais eu viaxamos á Cuba. Voamos a Santiago para despois, ao longo duns 12 días, cruzar a illa en coche. Finalizamos o noso periplo na Habana. O día que tiñamos que marchar (ao final non marchamos, mais iso é xa outra historia) levounos ao aeroporto un taxista nun deses vellos coches americanos que aínda se ven por aló.

Velaquí o taxi do neto do galego
O taxi é o auto azul celeste

O taxista informounos que era neto de galego. Dicía, sorrinte no seu acento caribeño, que o seu avó era a persoa máis bruta que coñecera na vida. Lembraba un día que o levara a pescar. Como os peixes non picaban, o galego sacou de machete comezou a golpes coa auga. Do avó galego herdou o taxista un consello, e máis que un consello un xeito de vida: “canto máis posúes, máis problemas tes”. Dicía que a casa do vello fora a última da súa vila en ter electricidade, e que se alimentaba diariamente “de una especie de potaje de verduras que preparaba”. Lonxe do fogar, o vello galego emulaba como podía o caldo da súa infancia. É normal, por algo é a raíz do corpo.