A Liga da Xustiza Pirola

A Liga da Xustiza Pirola é unha organización secreta, mais non os seus feitos. Se esperades ver unha escena como esta…

Abran a porta á L.X.P.! Nesta casa estase a socavar unha masculinidade!

…sabede que non vai acontecer. Os seus métodos son outros, máis 2.0. Arrincan pelos do peito e convértenos en frechas dixitais, en dardos de xustiza pirola. Se falas con eles son máis feministas que ninguén. Iso si, feministas sensatos. Mesmo presumen de ter amigas mulleres (feministas de verdade) dispostas a corroborar anonimamente as súas opinións.

Membros da L.X.P. executando un castell.

A Liga da Xustiza Pirola acepta sen problemas a crítica, mesmo a agradece. O coñecemento das propias fraquezas é o camiño cara á excelencia (xa o dixo Confucio, outro home). Mais ollo! Acéptaa sempre e cando sexa a valoración fraternal doutro home. Se é unha muller quen emite a crítica, faino porque gusta de atacar os homes, porque pertence a un lobby, porque é unha fanática, porque é unha histérica, porque é unha mediocre, porque responde a intereses escuros.

E ti, xa es do clube?

Aos virís membros (ou membros virís) desta Liga móveos un sentido universal de xustiza. Se usan a falacia, o acoso, o insulto ou a vexación, hai que lembrar que o fan por unha causa nobre. Eles son soldiers of freedom a loitar contra as talibás lilás (tamén coñecidas como talilás). Afirman combater a corrección política, o bempensismo e a mediocridade xeral que os arrodea.

Hai quen afirma, con noxenta malignidade, que só se trata dun “non me pises o freghado” de manual. Mais iso, amiguiño, sonche cousas das feminazis.

Mother!

Onte fun ver Mother! Tíñalle ganas. Como sempre que acabo de ver un filme de Arofnosky, non sei se me pareceu unha obra mestra ou unha bosta pretensiosa do tamaño da Cidade da Cultura. O que nunca me deixa é indiferente. Tras repousar o visto unhas horas e debater comigo mesmo, cheguei ás seguintes conclusións:

-Non sei se é por masoquismo, mais resúltame agradábel sufrir con este psicópata. Sempre no gume da grima, da claustrofobia e da incomodidade –tanto estética como ética –as súas propostas non son fáciles de esquecer. O in crescendo de desacougo que propón en Mother! xa o padeceramos, cunha estrutura similar, en Requiem for a Dream e Black Swan.

Hoxe, en Bricomanía…

-Si me sorprendeu, porén, a falta total de contención . Mother! non semella o oitavo traballo dun señor de case cincuenta anos, senón o filme dun rapaz de menos de 30 anos que, tras un debut prometedor, foi contratado por unha produtora forte que lle deu un feixe de cartos para gastar ao seu antollo. Isto non o sinalo como demérito, senón para pór en valor a carencia absoluta de complexos á hora de encarar a historia.

-En canto ás posíbeis interpretacións e simbolismos, a verdade é que saín do cinema cunha teoría que despois non vin reflectida en artigo ningún [OLLO, SPOILERS]. A totalidade das análises concordan en que o guión desenvolve unha alegoría sobre a Biblia. Así, Javier Bardem (o Poeta) sería Deus, Jennifer Lawrence a Terra, Ed Harris e Michelle Pfeiffer serían Adán e Eva, mentres que os irmáns Gleeson xogarían o papel de Caín e Abel. Esta lectura é obvia, e confírmase no intre no que os afervoados seguidores do Poeta devoran –literalmente –o seu fillo para se alimentaren del. Con todo, eu saín da sala coa sensación de que, ademais, me viñan de contar unha historia sobre o proceso creativo; do que significa crear en termos de sacrificio, de elaboración dun espazo simbólico propio que se esborralla unha e outra vez ficando só a súa esencia: o desexo de construír algo de novo.

Psicópata con cámara

Esta é unha lectura moi persoal. Igual se a escoita o cabrón de Arofnosky aínda ri un cacho coas miñas vaidades. Así que recomendo ver Mother! e que cada quen saque as súas propias conclusións. Sei que moit@s acabaredes cun enfado monumental e coa sensación de que vos acaban de tomar o pelo, mais évos o que hai con este tipo.

Grazas a Inditex A Coruña é menos paleta

O xigante da moda xerou unha onda de estupidez premium que mellorou a calidade do postureo coruñés.

Dun tempo a esta parte todos os camiños da Coruña conducen a Inditex. Por que abren bares que realmente son escenarios de Instagram? Por que as inmobiliarias especulan aínda máis cos alugueiros dos pisos? Por que se ouve tanta xente falar inglés se os emigrantes non volveron? Por que algúns empresarios facturan millóns de euros mentres aumenta a precariedade? Por que a xente viste toda igual como se a sacasen dun catálogo? Estas preguntas pódense alongar até o infinito. A resposta é sempre a mesma: “É polo capitalismo, estúpido!”

Soy Willy Fog apostador…

Si, o xigante da moda mudou totalmente a cidade. «A Coruña é máis cool e menos paleta. Quitouse ese aire provinciano de merda que teñen da Pasaxe para alá», sostén o economista Arteriancio Saecinemas. «Na praza de Lugo xa non cheira a parrocha, cheira a modernidade», apunta Ano Xacobeez, profesor titular da UDC e adorador oficial de Zara.

A empresa non facilita información segmentada dos seus na Coruña e Arteixo (pueblo de la paila), correa de transmisión de todos estes cambios. Estímase que nestas áreas traballa un lote de xente. Os seus salarios son moi superiores ao teu, sucio mortal. Resulta complicado establecer unha media. Mais, así a ollo, dos 3000 € pasan.

Veño de cazar un oso en Santa Margarida

Ademais, na firma búscase un traballador cualificado, que domina o inglés e sen problemas de mobilidade. É dicir, como a mocidade que de aquí emigra, mais con acento de Madriz.

O exemplo máis evidente atópase na hostalaría. Cando a burbulla inmobiliaria picou, eses miles de albaneis que ficaron no paro puxéronse a abrir bares de deseño coas liquidacións, pois sabían que “lo iban petar, chorbo!”. O resultado? Un catapún de locais cuxo deseño se inspiraba nas cidades internacionais (Nova Iorque, París, Soria…). Vamos, o que lle gusta a esa xente-de-mundo-non-coma-nós-pailáns!

«Alguén podía imaxinar hai dez anos a Franxa ou a Estrela así? Se por alí non pasaba nin un alma e só se podía comer raxo e tortilla!», pregúntase o experto en modas e varianzas Chema Panadeiro.

En Juan Flórez pódese ver todas as mañás persoas de todas as nacionalidades diante do Hotel Histeria. Agardan polo bus da empresa que os levará a Sabón. Son xente elegante, aseada e duchada, que len a Jotdown en móbiles e tabletas caras como o demo. Nada que ver cos farrapentos e coas farrapentas que agardan os buses noutros barrios da periferia.

Celebritieeeeeees!

Outra forma de estar na rúa

Na Coruña, unha cidade capital do postureo, as propostas de Inditex encaixaron como anel no dedo. Nos últimos anos flipas. Na praza de Lugo subtituiuse a cooliflor polo cool a secas. A xente dese trazo maniféstase aí: Gabardinas cando non chove. Lentes de sol cando chove. Bicicletas na man. Pantalóns de chándal con zapatos sen ser heroinómano. E, sobre todo, moita repunancia!

Estiu 1993

Esta semana, por fin, puiden ver Estiu 1993. Meses atrás, cando a programaran no Númax, non tivera a oportunidade de me achegar a Compostela. Porén, ao ser a longametraxe elixida pola Academia de Cine para os Óscar, a súa distribución acadou unha nova vida.

Estiu 1993 é un filme xigante na súa pequenez. Frida (Laia Artigas) é unha nena de seis anos que afronta o primeiro verán despois da morte da súa mai. Faino, ademais, en pleno campo, lonxe do entorno urbán onde vivira até daquela. Desde o comezo, o plano baixa a altura dos ollos de Frida e ponse ao seu servizo. Non é este un criterio puramente estético. Hai unha vontade clara de observar, de narrar unha historia a través dos silencios, das perrenchas e dos xogos da nena. Este recurso, que podería levar ao tedio, está tan ben administrado que ficas coa sensación de que continuamente están a acontecer cousas.

Laia Artigas interpreta a Frida

Desexo destacar unha secuencia: Frida e mais a súa curmá xogan no exterior da casa. A protagonista esborranchou a cara con maquillaxe. Leva un gorro de palla na cabeza, enormes botas campeiras nos pés e un fular arredor pescozo. Oculta os ollos tras unhas lentes de sol. No xogo, ela interpreta o papel de mamá e a súa curmá o de filla. Dese xeito tan sinxelo, tan honesto, explícanos como era a súa vida antes de a mai morrese por mor da sida.

Estiu 1993 pareceume un traballo tan fermoso como incómodo. Durante o seu visionamento non tiven nunca a sensación de estar ante unha ópera prima. Fotograma a fotograma percibín sinceridade, se cadra por ter madurado devagar ao longo da vida de Carla Simón, directora e guionista deste filme.

Carla Simón

Recomendo vivamente achegarse a esta película. Un percorrido curto, apenas un pequeno tramo de vida, mais inzado dunha honestidade tan cruel que revira até a última febra.

María Victoria Moreno, Día das Letras Galegas 2018

Foto do pasaporte que retiraron a María Victoria Moreno por dar clases de galego nos últimos anos da dictadura. Fonte: culturagalega.org (arquivo da familia de María Victoria)

Alégrome, de corazón, polo nomeamento de María Victoria Moreno como autora a homenaxear no Día das Letras Galegas 2018.

Se cadra por ser eu un aburrido –e orgulloso –defensor da LIX galega, da que ela foi pioneira.

Acaso porque formo parte da directiva da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil, da que ela foi a socia número 6.

Quizais, tamén, porque entendo de xustiza que optasen por unha muller; non vou repetir os datos por todas e todos coñecidos, mais si quero lembrar as palabras que onte lle lin a Ledicia Costas: “Débennos décadas”.

Pode, mesmo, que tivese que ver o respecto que sinto polo traballo das mulleres da Sega, que xa no 2015 elixiron a María Victoria Moreno como a “Súa Señora (das letras galegas)”, e que estes días artellaron unha marabillosa campaña a prol da súa candidatura para o 17 de maio.

Aínda que, talvez, sexa pola suma de todas estas cousas. O caso é que hoxe estou contento, porque entendo este nomeamento tan positivo como necesario. Outro grolo!

18 razóns (desesperadas) para falar galego na Coruña



  1. Para ver a cara dos camareiros cando lles pides “un café con leite morno” ou “milfollas de sobremesa”.

  2. Para contaxiar a outros falantes. Si, falar galego pode ser contaxioso. Talvez non tanto como a mononucleose ou a clamidia, mais si como un catarriño leve.

  3. Para que os taxistas te chamen “galleguista” cando lles pides que te leven á rúa San Xosé. De dubidares da túa orientación política, este é un bo método para lembrala.

  4. Para ligar. É ben sabido que moitas/os rapazas e rapaces da Coruña non se learían cun/ha galegofalante. Mais ti quererías contacto físico con esa xente? Non o dubides, o galego serve de criba!

  5. Para obter unha licencia para rexentar un casino cando os galegofalantes acabemos nunha reserva.

  6. Para o sexo. As/os galegofalantes son altamente competentes como amantes. Isto non ten base científica ningunha, mais de espallarse esta lenda urbana sería o fito máis importante da normalización desde o Xabarín Club.

  7. Para poder dicir, con naturalidade, “colo”, “pota” ou “reseso”. As palabras acaban por se deprimir cando as usas nun contexto estraño. Faino por elas!

  8. Para que alguén che diga “aunque hable en castellano soy tan galleg@ como tú”.

  9. Para ver a cara que poñen na billeteira do cinema cando pidas un sitio “na derradeira ringleira”.

  10. Para non dicir mamalonadas como “rajo”, “Arteijo” ou “Jurelo”.

  11. Para te sentir membro dunha sociedade secreta, como os masóns, os illuminati ou os cabaleiros jedi.

  12. Para confraternizar cos vellos no Campo de Marte. Se tes sorte, até é posíbel que te conviden a un cacho de pan reseso do que lle dan ás pombas.

  13. Para cando che digan “el gallego no sirve para nada”, poder responder: “Ti estásme entendendo. Así que para algo xa serviu”.

  14. Para lle lembrar á xente onde vive. Ás veces, entre tanta Feria de Abril e Oktoberfest, é difícil decatarse.

  15. Para que che pregunten se es do Bloque ou da aldea.

  16. Para nos decatar de que non somos tan poucos. Na fin de contas, que haxa case 40.000 galegofalantes na cidade non é “muck of turkey”, que diría sir Paco Vázquez (ese señor que se disfraza de Magneto cando posa para un cadro).

  17. Para facelo porque si, porque che gosta, porque che peta e queres e dáche a gaña porque che sae de dentro, alá do fondo.

  18. Para ter esperanza. Porque de fe e caridade imos sobrados…

    Todas as situacións expostas están baseadas en feitos reais. Ningún galegofalante resultou ferido durante a realización deste artigo. Para comezar a falar galego non é preciso consultar con médico/a ou farmacéutico/a ningún/ha.

refugallo poético nº4

Refuxiarse

durante as madrugadas do Alfaiate

no útero dun terzo de Estrella.

Sufrir xuntos a fame pola fame,

ou non saber se vivir ou fumar,

se apertarnos coas mans nas costas

ou exacular balas de bile

contra inimigos imaxinarios.

 

Así eramos nós. E dalgún xeito aínda o somos.

Lonxe de xéneros e de repugnancias.

Desde o aire inzado con polen de mimosa

―primavera ourensá ―

até o pracer revirado

das minchas do Tarabelo.

Así fomos nós. Xa iso ficará soterrado.

Sopas de cabichas, cacao e doces;

grosos peúgos que aloumiñan a madeira

co seu tacto setentrional.

 

Refuxiarémonos onte

…noite tras noite tras noite onte….

nos úteros dos terzos de Estrella.

E fomos…

Fomos…

Fomos…

As crónicas de Landereina: Sangue de Lúa

Deixo no Lugar do Sapo a recensión que fixen do libro de Sabela González para a sección da web da OEPLI Este libro encantoume.

Berenguela e Güenela conseguiron a apócema coa que poderán destruír a Pedra de Lúa. Porén, fuxir de Svörie, a illa dos sabios, e chegar até a capital do reino de Landereina non semella unha misión doada. Alí deberán rescatar o príncipe Ohn, peza clave no seu plan para impedir que Maëriss, a traidora, complete o seu poder. Para iso contarán coa axuda de Gan, o guerreiro huntai, e mais de Breihm, que procura redimirse da súa culpa. Deles catro depende o destino das xentes de Landereina, atemorizadas ante a posibilidade de que se repita a tiranía que sufriran anos atrás baixo o xugo de Wiasmau.

Sangue de Lúa é a derradeira parte da triloxía fantástica As crónicas de Landereina, da escritora Sabela Gónzalez. Tal e como fixera nas dúas primeiras entregas, combina a aventura das protagonistas con convenientes visitas ao pasado, que serven para que o lector conte cunha perspectiva global dos acontecementos. No caso de Sangue de lúa, o relato pretérito enfócase na vinganza de Wiesmau contra a dinastía dos Gheiroez, describindo o emprego do seu poder como feiticeiro para conxugar un elaborado plan co que atormentará durante décadas á súa descendencia, para acabar erixíndose como tirano de Landeireina. Este recurso enriquece o texto, axudando a narración a atar todos os cabos pendentes e outorgando ao lector información en doses medidas, sen chegar nunca a abafalo.

Este libro encantoume porque profunda nas virtudes que alberga a saga: axilidade narrativa, revisión de patróns e roles no relato fantástico, trazo firme de personaxes e naturalidade dos diálogos.

Europa Express

Partillo no Lugar do Sapo a recensión que fixen desta obra de Andrea Maceiras para a sección da web da OEPLI Este libro encantoume.

Cuberta realizada por Antonio Seijas
Cuberta realizada por Antonio Seijas

Sete mozos percorren Europa en Interrail ao finalizar o Bacharelato. Un deles, Nico, retorna a Bergen dez anos despois. Alí bate cunha postal que revirará a súa percepción do pasado. Esta casualidade será a faísca que prenda a mecha desta historia. Obsesionado co achado, Nico planifica un reencontro dos antigos compañeiros para tentar resolver o misterio que envolveu o final daquela viaxe.

A novela está narrada en dous planos. Un sitúase na actualidade e emprega a primeira persoa dos distintos personaxes, espindo os seus pensamentos e intereses. O outro plano, pola súa parte, está narrado en terceira persoa. Trasládanos dez anos cara atrás, até a viaxe en ferrocarril que levou os mozos a Stavanger, Odense, Copenhaguen, Berlín, Praga, Budapest, Venecia ou Florencia, entre outros lugares.

Europa Express foi a gañadora do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2015. Trátase dunha novela de intriga psicolóxica ben medida, sen estridencias, que nos ofrece asemade un relato iniciático. Alicerzada na descuberta da liberdade individual e o progreso das relacións persoais, pon o ramo a este artificio a enigmática personalidade de Xacobe, presente en cada unha das súas páxinas. Trama coral, de personaxes moi matizados, observamos como devagar a vida vai ciscando as distintas identidades que a escola xuntara.

Estamos, en definitiva, ante unha notábel novela xuvenil, onde a palabra é empregada como bálsamo reparador de feridas. Andrea Maceiras consegue enchoupar a lectura coa maxia da viaxe, apoiándose habilmente no concepto do efémero. Este libro encantoume porque se trata de literatura traballada, tallada ao detalle co pulso firme dunha cirurxiá da palabra.